Monday 13 de May de 2024

Trenor anuncia un investimento de máis de 1,5 M€ nas obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 E AC-546


— O delegado da Xunta explicou que a Xunta realizará melloras nestas vías ao seu paso polos concellos de Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira

— A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o anuncio de licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 15 de xuño

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes da Baña, de Coristanco, de Santa Comba e de Tordoia, anunciou un investimento autonómico de 1,5 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546.

Trátase do reforzo do firme encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimentos naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro.

Trenor destacou que estas importantes obras, que hoxe se licitan, suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán. Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións: Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira.

Os traballos que se van realizar están encamiñados á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de máis de 1,5 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 15 de xuño para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.